3 nov 2011

O día "triste" dos traballadores da CRTVG (Galicia Confidencial)

O día "triste" dos traballadores da CRTVG   

O Parlamento Galego aprobou este mércores, cos votos a favor de PP e PSOE, a nova Lei de Medios Públicos de Galicia que regula, entre outras cuestións, a elección do director xeral, a dos cargos directivos do ente público e a do Consello de Administración.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 02/11/2011

"Hoxe é un día triste que pasará á historia". Así de contundente se amosou Raquel Lema, presidente do Comité Interempresas da CRTVG, ao valorar á aprobación da futura lei da CRTVG. Unha lei que unificará nunha única corporación aos tres entes actuais; TVG, RG e CRTVG, para logo convertela nunha sociedade mercantil.

Os traballadores critican unha norma que, din, augura a privatización do ente público e que pode poñer na rúa a moitos dos seus traballadores. Por iso, pedían a subrogación dos contratos dos traballadores, así como deixar claro que a CRTVG é un servizo público esencial. Sen embargo, non houbo acordo entre os tres grupos da cámara, os impulsores da lei -PPdeG e PSdeG- e o BNG, que se opuxo a ela.

Por iso, tanto o Comité interempresa coma o BNG cren que socialistas e populares aprobaron unha norma para privatizar o ente público "pola porta de atrás". Unhas acusacións que negan PPdeG e PSdeG.

Medios "plurais"

Os socialistas insistiron en que queren medios "públicos e plurais". "Ao PSOE non lle gustan as manipulacións, nin as censuras. Non nos gusta que a televisión pública dependa do mando a distancia do presidente da Xunta", suliñou no debate parlamentario o deputado José Manuel Lage que criticou a postura dos nacionalistas porque, dixo, "non queren que os directivos da TVG e da RG sexan independentes".

"O que está facendo o PSOE é, precisamente, cargándolle as pilas ao mando a distancia de Feijóo", respondeulle en ton irónico a nacionalista Ana Belén Pontón. A deputada do BNG dixo que a súa formación sempre defendeu uns medios públicos "ao servizo de Galiza" e que non dependan de "estratexias partidarias". "O que lles molesta a vostedes é que poñamos o dedo na ferida das privatizacións, dos dereitos laborais e do futuro da nosa lingua", sinalou.

Aportacións de Quintana

Pola súa banda, os populares insistiron na "independencia" que esta nova lei lle dará ao director xeral da compañía pública e agradeceulle ao ex líder do BNG, Anxo Quintana, --que foi ponente na comisión da CRTVG-- as súas achegas, "que, polo que vexo, non son as do BNG"... "Pois ben que lle déchedes antes", respostou desde a súa bancada o nacionalista Bieito Lobeira.

Pedro Puy Fraga insistiu en que o PP non quere un modelo de televisión á italiana de "a min me toca mandar aquí e a ti, alí". "Iso xa pasou no bipartito e xa sabemos como acabou", sinalou ao insistir en que a lei aposta por uns medios independentes e eficientes.

A Lei

A futura Lei de Medios Públicos de Galicia fixa nun ano o prazo para a adaptación dos medios públicos galegos e para a súa constitución definitiva nunha sociedade mercantil. O texto tamén recolle o nomeamento por maioría parlamentaria de dous terzos do director do ente público. Un punto que PP e PSOE destacaron como un dos principais obxectivos para rebaixar o carácter gobernamental da corporación.

Ademais, o consello de administración do ente público pasará de ter 12 membros a contar tan só con seis, que ademais serán elixidos o Parlamento, do mesmo xeito que o director xeral da corporación, e que só poderán ser reelixidos unha vez nos seus postos. Vanse a establecer ademais incompatibilidades máis restritivas, de tal modo que non poderán acceder a estes postos cargos políticos ou sindicais, cousa que para socialistas e 'populares' é importante, en busca de conseguir a "profesionalización" dos órganos de dirección.

Comparte

Twitter Delicious Facebook Digg Stumbleupon Favorites More