Por qué?


Mobilizámonos a favor dunha mudanza da radio e da televisión de Galicia porque cremos que outros medios públicos son posibles. Pero rexeitamos a reforma pactada polo Partido Popular e o PSdeG-PSOE que cuestiona o carácter público, abre unha vía á privatización, mantén e mesmo incrementa o control político sobre a información e crea maior inseguridade laboral. A nova lei condena á CRTVG á insignificacia social.

- Porque queremos ofrecerlle á sociedade galega un medio de comunicación propio no que se sinta reflectida, partícipe e implicada. Un instrumento útil, imaxinativo e rigoroso.

- Porque queremos participar no mesmo espazo de comunicación que os medios privados que axudamos a soster. Queremos competir pola audiencia e tamén pola influencia. Ser o referente da información veraz e plural en Galicia.  

- Porque os medios públicos deben intervir alí onde unha información de calidade é decisiva para que os cidadáns poidan participar responsablemente nos asuntos de todos, na política entendida no seu senso máis cabal.

- Porque non queremos renunciar a unha brillante historia de programas de formación e de divulgación. A radio e a televisión de Galicia deben ser un dos princiais garantes do acceso democrático á cultura e ao coñecemento.

- Porque queremos rir, pensar e sentir con programas feitos en Galicia e en galego. Queremos que os nenos e nenas entren tamén ao mundo a través da súa lingua e a súa cultura.

- Porque queremos solucionar o colapso laboral e profesional da CRTVG ao que conduciron sucesivos equipos directivos que só tiñan que dar conta da súa xestión a un partido político e non ao conxunto da sociedade.

- Porque nós tamén, como traballadores e traballadoras da CRTVG, somos responsables da deriva cara a insignificancia social dos medios públicos. Incapaces en moitas ocasións de defender criterios profesionais fronte as presións partidistas.

- Porque queremos que a formación, a experiencia e os méritos profesionais sexan os principais requisitos para poder traballar e acceder a cargos de responsabilidade na radio e na televisión públicas.

- Porque queremos que se apliquen criterios profesionais nas dinámicas de traballo: fomento do xornalismo especializado, creación de seccións nas redaccións, deseño intergrado de programas, formación… 

- Porque o noso modelo e horizonte son as grandes cadeas públicas europeas. Negámonos a que nos convertan nunha radio e nunha televisión irrelevante, do tamaño e da ambición dun medio local. Damos para moito máis.

Comparte

Twitter Delicious Facebook Digg Stumbleupon Favorites More