TV3: Queremos un espello escachado?Os medios da Corporación Catalá de Medios Audiovisuais (CCMA) -TV3 e as súas canles temáticas, Catalunya Ràdio e as súas emisoras, e todos os seus servizos na rede- fináncianse, de acordo coa lei aprobada no Parlamento, a través de ingresos públicos e comerciais. Desde que cheguei á dirección de TV3, en maio de 2008, a crise económica fíxose sentir cunha forte diminución dos ingresos publicitarios -de máis de sesenta millóns de euros en cinco anos-. Engadamos a baixada da achega dos recursos públicos: a aportación aprobada polo Parlamento á CCMA no 2010 era de 350 millóns de euros, e no 2011, de 300. A contribución pública pasou en moi pouco tempo duns 50 euros por cidadá/án a 40. Que foi o que fixemos? Desde o 2008 ata agora reducimos custos de xeito sistemático e drástico. Non fixemos bandeira disto, nin publicidade, sinxelamente adaptámonos aos tempos que vivimos.
Afortunadamente, grazas ao esforzo dos nosos profesionais e de todo o sector audiovisual que colabora connosco, puidemos facer máis con menos. Recuperamos o liderado de TV3 e posicionamos as canles temáticas nun contexto de fragmentacion crecente da audiencia e de cambios tecnolóxicos constantes -o paso do analóxico ao dixital e o consumo de contidos na rede-. Circulan cifras interesadas por todas as partes que non se corresponden coa realidade e paréceme xusto que os cidadáns de Catalunya saiban de primeira man que os medios de comunicación do seu país, comprometidos co servizo público, fixeron desde o 2008 ata agora un esforzo continuado de redución do gasto. Este esforzo afectoulles á produción, á programación, á compra de dereitos e ao salario dos directivos e dos traballadores, que o rebaixaron voluntariamente un 5%. Como directora de TV3, esta é a decisión dos profesionais da televisión pública catalá da que me sinto máis orgullosa e que me fai confiar no futuro e nos cambios que necesariamente teremos que afrontar.
No entanto, esta medida asumiuse ao comprobar que a redución de ingresos xa afectaba ao servizo. Reducimos a produción de programas propios ou en colaboración co sector audiovisual, renegociando á baixa os seus custos, compramos menos producións estranxeiras, diminuímos os investimentos tecnolóxicos, eliminamos sociedades e cargos directivos para reducir a nosa estrutura empresarial. Isto non nos impediu darlles aos nenos un canal propio en catalán, dedicarlle á cultura e ao documental máis horas de emisión ca nunca, abrir espazos de debate social e de reflexión, darlles máis atencións aos colectivos, intereses e deportes minoritarios, rendabilizar os dereitos deportivos e diminuír os custos con novas negociacións de cara ao futuro. Fixémolo porque é a nosa función, porque cremos nela e porque somos un servizo público comprometido coa nosa realidade social, cultural e económica. Por iso, batallamos para facer máis horas de emisión en lingua catalá: agora mesmo, as nosas canles concentran case o 20% da audiencia televisiva do noso país. O resto consómese maioritariamente en castelán.
Nestes momentos, quérese poñer no punto de mira o servizo público que realizamos. É fácil porque é o escaparate máis potente que temos do país, ferramenta fundamental de cohesión social, territorial e expresión da nosa realidade nacional, pero tamén competidor en catalán dos grupos mediáticos privados, principalmente españois, que agora conseguen menos beneficios ca antes, sen deixar de gañar moitos cartos. Estes operadores, non contentos de conseguir que a nova lei do audiovisual española diminúa os recursos e a competitividade do servizo público de TVE, e tamén do noso, agora presionan para debilitarnos aínda máis co argumento da crise. Pero sería bo que non confundísemos os intereses privados coa realidade. Este trasfondo existe, e paga a pena lembralo cando, desde determinados medios e plataformas de opinión, só se sinala o custo do servizo público e non se fala nunca da función social que realizamos. Non son voces inocentes as que enchen a boca de cifras -aínda que sexan falsas- pero calan que un terzo do investimento do noso servizo vai parar directamente á creación de postos de traballo no sector privado audiovisual, forte no noso país e con moito talento, a través do cine, dos documentais, da animación, dos produtores de contidos e de servizos, dos distribuidores independentes, dos estudios de dobraxe e de tantos outros ámbitos que dependen da nosa forza ante outros mercados. Somos e continuaremos sendo o motor da nosa industria audiovisual catalá, por encargo do Parlamento de Cataluña, e impulsores da nosa cultura e da nosa lingua a través dos máximos canais posibles.
Todo isto non implica que non continuemos reducindo o noso gasto de acordo co que cómpre no momento actual. Asumiremos, como fai todo o mundo e como xa fixemos, o esforzo necesario para repensarnos, para ter unha estrutura aínda máis eficiente, pero confiamos na corresponsabilidade da nosa sociedade e dos seus representantes políticos para non caer no erro de debilitar un servizo público que sempre estivo comprometido co país, coa lingua, coa pluralidade e a diversidade. Sen uns medios públicos potentes e comprometidos deixamos a potenciación do imaxinario colectivo da nosa sociedade, o espello de quen somos e como nos explicamos, en mans de operadores privados que só procuran a rendibilidade económica, aínda que sexa en detrimento da calidade, do respecto á intimidade e da pluralidade de calquera tipo. Teñen que ser os cidadáns de Catalunya os que valoren se queren ou non seguir tendo un servizo público de medios de comunicación en catalán que lles permita ver unha programación con valores, informativos de referencia, documentais en prime time, programas de entretemento de calidade, espazos de humor autocrítico ou grandes acontecementos como La Marató, a Festa dels Súpers ou os éxitos dos nosos deportistas nas competicións de elite. E todo cun investimento por habitante por debaixo da de calquera televisión pública europea homologable, como a belga, a holandesa, a francesa ou a alemá.
Somos conscientes de que atravesamos unha situación durísima, e como fixemos desde o 2008, traballamos con responsabilidade e criterios de austeridade para reducir o gasto sen comprometer a potencia do noso servizo. Os anos que temos por diante permitirannos repensar como traballamos para adaptarnos a unha nova xeira, na que menos recursos terán que crear máis contidos e espallalos a través de todas as plataformas posibles. É a nosa obriga atopar camiños alternativos aos que tivemos ata o de agora, para evitarmos desviarnos da ruta, e farémolo desde o criterio de servizo á sociedade e á calidade que fan posible os nosos profesionais. Pero en ningún caso nos renderemos para que uns cantos intereses privados disfracen de crise o seu intento de fender unha ferramenta de país e os valores que representa.
Mònica Terribas- Directora de TV3
Podes ler o artigo orixinal, en catalán,
AQUÍ